martes, 29 de marzo de 2011

Somos o que comemos

Agora que rematou o entroido, época de comidas tradicionais e excesos, vénseme á cabeza a frase aquela que di: Somos o que comemos...

Quizá tan importante como a base da alimentación é a maneira de preparala, os ritos que presiden a preparación desa comida, é ahí onde aparece a especificidade de cada pobo. A gastronomía é o reflexo do que pasa no interior dunha sociedade, e polo tanto, os cambios que van acontecendo nesta vanse trasladando tamén á mesa.

Segundo os antropólogos, as civilizacións pódense dividir en dúas: as do cocido e as do asado. De maneira indiscutible (os mitos e lendas que concernen ao pote non nos son alleas) pertencemos á do cocido, como formaron parte dela no seu día os celtas; herdanza ésta que xunto coa do porco como animal fetiche e os rituais festivos a propósito da matanza deste, conservamos deses días.

O porco foi considerado unha riqueza e un dos poderes do máis aló, asociado tamén á abundancia (non hai máis que pensar na forma típica que se lle deu ao recipiente para gardar os aforros...). Se xa os celtas eran grandes comedores de porco, na Idade Media chegou a ser o animal totémico da familia Andrade conservándose como vestixios na zona, as imaxes do porco e xabarín na igrexa de San Martiño de Cerdido, entre outras.



Lonxe de pretender facer un monográfico do porco e a súa importancia (que tamén sería moi interesante) o que pretendo facer é unha reflexión sobre como mudaron os costumes relacionados coa alimentación.

Como cada vez debido á axetreada vida que levamos, se lle presta menos tempo e atención á preparación da comida, sendo típico escoitar: "xa como calquera cousa..." deixándonos levar por productos elaborados e precociñados de " 5 minutos e ao plato" e unido a isto tamén se vai perdendo  o momento social da hora da comida, xa van a menos as grandes xuntanzas de festas e patróns, permanecendo ainda esporádicamente vellas costumes como invitar a familiares e veciños na matanza...

Existe moito desinterés e desinformación polas materias primas, a súa calidade e procedencia, así como desprecio polas actividades agrícolas e gandeiras, algún debe pensar que o leite nace nos bricks dentro do supermercado...