martes, 10 de mayo de 2011

Pasou o día, pasou a romería.

Non é que sexa eu moi devota, pero o tema de hoxe ten relación cos santos...
Vén de celebrarse a tradicional festa de Sta Lucía da Fraga (Os Casás) no concello de Cerdido, festa que recordo dende ben pequena, cando xa non era nin por asomo o que foi nos seus tempos de esplendor, cando xente de todo o contorno viña de romería a esta pequena capela situada ás portas da Fraga dos Casás.
Viñan buses cheos de romeiros visitar á santa e quedaban de merenda nos arredores, que por aqueles tempos non estaban adicados ao aproveitamento forestal. Quizais máis importante que a santa era a típica visita á fonte, onde como manda a tradición hai que lavar os ollos, para protexelos ou curalos dos males da vista, tradición que aínda recordo "en vixencia". O rito, que se supón pagán nos seus inicios (atribución de propiedades curativas e máxicas ós elementos da terra, neste caso a auga), foi adaptado pola igrexa coa inclusión da santa protectora dos ollos e así se conserva ata o día de hoxe.


Lástima que daquel entorno idílico do que oimos falar a nosos pais e avós non queden máis que recordos. Aínda que a festa se segue celebrando, cada vez aseméllase máis á típica festa parroquial, deixando de lado o que no seu día foi o que lle deu a importancia ao evento e o convertía nalgo singular. Proba disto é a "rehabilitación" que se fixo da zona, que lonxe de acondicionala como área recreativa, a meu xuizo o que fixo foi empeorala, iso sí quedou un sitio ben amplo para que o camión da orquesta poida virar con gusto, pero perdeu todo o encanto que posuía.


Da mesma maneira o camiño de baixada á fonte, aínda que un pouco sinuoso era transitable..., sendo consciente de que precisaba unha mellora para favorecer o acceso de persoas con movilidade reducida,  convertírono nunha amplo camiño no que case se pode ir co coche, facéndoo desaparecer do seu lugar orixinal...traballo de palas que arrasou incluso con vellas pedras con curiosas inscripcións, que descansaban dende tempos inmemoriais na beira da fonte, quedando no mellor dos casos sepultadas debaixo de toda a terra que se moveu para facer a obra.


 Con estas palabras non pretendo máis que manifestar o que me pasa pola cabeza ao ver como quedou o lugar, no que se fixeron certas obras que dá impresión quedaron sen rematar.
Non vou negar que os tempos cambian e con eles os usos da terra, e así o que antes era labradío agora xa non o é, cambiando o entorno do lugar, non tendo porque ser isto necesariamente negativo; certas melloras nas vías de acceso e no solo da zona fanse necesarias para poder desenvolver actividades no lugar. Pero o que podía ser unha bonita área de lecer, permanece agora coma un sitio sen identidade, extraño aos ollos de quen o coñeceu antes, e nun estado que semella certo descuido.
A importancia dun lugar non sempre se mide polo tamaño dos vehículos que poden chegar a el.