jueves, 27 de enero de 2011

O tren que me leva...

Hoxe quero determe a falar dalgo, que aínda que pasa desapercibido para moita xente; ten dous factores determinantes para ser aquí resaltado. Por un lado, moitos dos que por esta terra habitamos, somos descendentes daquelas xentes que viñeron a traballar na construcción desta infraestructura. Por outro lado, e dende o punto de vista máis universal, este tren une as terras de Lapatiancos entre sí, coa cidade de Ferrol, coa Mariña e ábrenos camiño por toda a cornixa cantábrica.

E como para comprender as cousas no presente, non hai nada mellor que saber algo da súa historia, alá imos:

Automotor Ferrol - Gijón
A idea de construir un ferrocarril que unise Ferrol con Gijón data do ano 1886, aprobando o Congreso o primeiro proxecto, o cal, tiña como finalidade unir os acuartelamentos de artillería de Ferrol coas fábricas de armas asturianas. O proxecto ínclúese no Plan de Ferrocarriles Secundarios de 1888, aínda que as obras non se iniciarían daquela.
No ano 1906 apróbase, incluído en Lei o proxecto calificado como Ferrocarril Estratéxico e asígnaselle unhas das súas características diferenciadoras técnicas máis importantes: ancho de vía de un metro e trazado, supostamente, protexido para fins militares (calquera o diría ao seu paso polas rías...)
Non é ata o ano 1921, cando se comezan as obras de construcción do ferrocarril, sendo precisamente no tramo Ferrol-Mera, no lado galego da liña.

Desgraciadamente leas localistas, a Guerra Civil, abandonos de contratas... fixeron que non fose ata o 1 de febreiro de 1962 cando se inagura o tramo Ferrol-Mera. Non é ata o ano 1972 o final da construcción e inaguración total da liña ata Gijón.

Polo tanto, non foron nin máis nin menos que 86 anos que separan o primeiro proxecto aprobado, ata a súa inaguración no 1972; resulta evidente que as necesidades que impulsaron a súa construcción mudaran totalmente.

Novas unidades  Feve 2700
A construcción desta obra supuxo a construcción de enormes viaductos, túneis, pontes, taludes que axudan a salvar a complicada e fermosa orografía, extremo que só se pode comprobar, como non podía ser doutra maneira, facendo esta inolvidable viaxe.

Contada a historia, debemos situarnos nos días de hoxe. Feve (nome da empresa pública que explota a liña) presta servizo de transporte de viaxeiros e mercadorías. Aínda que agora mesmo non goza de mala saúde o tráfico de mercadorías na nosa terra, principalmente potenciado polo transporte de madeira dende Cerdido e Moeche ata Aranguren (ía sendo hora, aínda que creo que se podería sacar moito máis proveito); quero facer unha reflexión con respecto ao transporte de viaxeiros.
Resulta incrible ver a pasividade coa que as administracións ven baixar ano a ano o número de viaxeiros, namentras os horarios dos servizos non son adecuados para ir o traballo, para ir ao instituto... Apeadeiros como o de Moeche con accesos dignos de ser considerados trincheiras de guerra..... Cada día que pasa chámame máis a atención como se pode vivir de costas (tanto administración coma usuarios) a un dos considerados pilares do desenvolvemento, como é o transporte público.

Marcho, que xa sae o tren...

miércoles, 5 de enero de 2011

A importancia de chamarse...

  Cada nome ten a súa importancia e tamén a súa historia.

  A historia conta que os Lapatiancos eran unha tribu galaico prerromana, do pobo dos ártabros, que habitaba na zona que hoxe abrangue os concellos de Moeche, Cerdido, Cedeira, e incluso máis partes do Ortegal. Algunha bibliografía denomina ao Cabo Ortegal como Trileucum ou Lapatiencorum promonitorium (promontoiro dos Lapatiancos).

  Se indagamos un pouco no significado da palabra: lap (alimentar) + pat (vaca) + sufixo -ancos = gandeiros,  podemos concluir que seguramente non é froito da casualidade que a gandeiríra fose e seña unha das principais actividades económicas desta zona.


  Desta época conservamos pegadas tan importantes como pode ser o topónimo Labacengos, no concello de Moeche; castros, mámoas ou medoñas, dolmens entre outras, espalladas pola xeografía deste territorio ocupado antano polos Lapatiancos, así coma unha infinidade de lendas e contos vencellados á existencia dos mesmos e que foron sobrevivindo de boca en boca ata chegar aos nosos días.

  Como descendentes desta tribu, as xentes veciñas destes lares aínda  mantemos fortes vinculacións sociais, que non se amoldan ás fronteiras e organizacións administrativas actuais.