jueves, 31 de octubre de 2013

O Samaín: apertura a outro mundo

Despois dun longo tempo sen poder escribir, por fin atopo un momento para adicarlle ao blog...

A ocasión non merece menos, estes días no xornal podíase ler o seguinte: "... la fiesta de Halloween se ha acabado convirtiendo en nuestro país en  una de las celebraciones más divertidas y esperadas. En Galicia, la tradicional fiesta de los muertos tiene nombre propio y aún basándose en una temática completamente similar, los gallegos denominan al Halloween como O Samaín..."

E non puiden resistir sen facer unhas consideracións ao respecto...

Samhain, na súa etimoloxía gaélica significa fin do verán.
Segundo a cultura prerromana (chamémoslle Celta ou Atlántica) a noite do 31 de outubro celebrábase o final da tempada de colleitas e tamén a transición ao ano novo, o cal se asimilaba como a apertura a outro mundo.
A festividade céltica do Samaín descríbese como unha comunión cos espíritos dos defuntos que, nesta data, teñen autorización para camiñar entre os vivos, dándolle á xente a oportunidade de reunirse cos seus antepasados mortos.
Para manter os espíritos contentos, e alonxar aos malos do fogar, era costume deixar comida e o lume acendido toda a noite.  Os osos dos animais sacrificados, durante aprovisionamento para a época escura ou inverno, botábanse tamén na fogueira.
Tras a conquista por parte dos romanos, estes actos víronse influenciados polas festividades en honra á deusa romana da colleita, Pomona.
Máis tarde, coa cristianización, estas prácticas foron consideradas como herexía e con este pretexto ( e co fin de afianzar o seu dominio político e social sobre os pobos paganos) a Igrexa adaptou e convertíu esta festividade ao cristianismo baixo o nome de "todos os santos".
A Igrexa no seu cometido de cristianización e sometemento, coa demonización das crenzas existentes, non foi quen de "eliminar" por completo estas actuacións tradicionais (como pasou no caso do Nadal ou a Pascua onde o pobo esqueceu a verdadeira orixe da festa), que foron evolucionando no tempo e das cales aínda se conservan vestixios.

Así en Galicia, sobrevive a tradición do tallado das cabazas (inicialmente calaveiras e logo nabos, posteriormente cabazas por influencia irlandesa) que nalgún tempo, unha vez secas se gardaban para usar como máscaras no entroido. 

En Irlanda ademáis do anterior, a costume de deixar a comida para os espíritos dos que marcharon evolucionou ata convertirse en ir de casa en casa pedindo dulces, moi extendido entre os nenos.
Foi tamén coa emigración dos irlandeses como chegou o Samaín ou Halloween (contracción de All Hallows´Eve : víspera de tódolos santos) a América, extendéndose ( e recollendo outras influencias) na zona norte do continente, para chegar a ser unha celebración multitudinariamente coñecida (pola súa difusión na televisión, cine, etc) incluso por poboacións, inicialmente, alleas a este tipo de costumes.

E así é como na actualidade, volve a chegar a nós (a través da prensa, centros comerciais, etc) un pedazo da nosa cultura máis ancestral (agora con influencias recollidas por todo o mundo) unha tradición, que xa era nosa, pero que moitos pensan que non é máis que unha adaptación dunha costume americana, por descoñecemento da historia e da súa propia cultura.

Dende aquí, animo a todos a coñecer e participar dunha tradición, cuxa orixe se perde na noite dos tempos, e que aínda fai perdurar entre nós dunha maneira moi primitiva un dos ritos máis antigos entorno á morte.



No hay comentarios:

Publicar un comentario